Estudios. Volume I: Nivel Iniciación

Wednesday, March 01, 2006

O Gaitero Xosé Luís Miguélez acaba de sacar ó mercado o libro “Estudios. Volume I: Nivel Iniciación”, dentro dos “Cadernos de Gaita Galega” da editorial Dos Acordes.O “Estudio” é o paso intermedio entre o exercicio técnico e a peza, unha especie de exercicio con forma musical. Con estas publicacións preténdese aportar unha ferramenta máis, fundamental no estudio de calquera outro instrumento musical, ó ensino da gaita.Os contidos deste primeiro volume son adecuados para iniciarse, dunha forma amena e progresiva, na aprendizaxe do instrumento, así como para o seu posterior perfeccionamento; dividido en catro niveis, correspóndese cos catro cursos oficiais do Grao Elemental de Gaita Galega que se imparte nos conservatorios públicos de Galicia. Cada nivel consta de dez estudios e unha peza, o que conforma corenta estudios e catro obras en total. Os dous primeiros niveis están dirixidos o gaiteiro que se achega por primeira vez ó instrumento. Os dous restantes traballan aspectos como ornamentación, dixitación, técnicas propias do instrumentos (picados, batementos e as súas combinacións), etc. Polo tanto serven para continuar a progresión na gaita para os xa iniciados.

É unha publicación que pretende ser renovada e ampliada a traves da web do autor, onde o gaiteiro pode descargar de forma gratuita novos estudios, gravacións de algúns dos xa publicados así como das pezas editadas.

O formato do libro é en tamaño A4, flexible e cunha extensión de 65 páxinas. Está dispoñible en dúas edicións, en notación de DO e notación de RE para facilitar ó máximo a súa comprensión. A continuidade de dita serie está prevista coa publicación dos “Estudios. Volume II: Nivel Medio” (en xuño do 2006), e os “Estudios. Volume III: Nivel Avanzado” (no mes de febreiro de 2007). Os volumes I e II forman parte do traballo de fin de carreira do autor, elaborado para as materias de “Música Tradicional e Popular Galega” e “Traballo de Campo” do cuarto e último ano, dentro da titulación en “Instrumentos da Música Tradicional e Popular” cursada no que é a primeira promoción (2002-2006) da especialidade.

Podes realizar a encomenda desta publicación a través da web da editorial http://www.dosacordes.com/ dentro da sección de publicacións. A data aproximada para a chegada ás tendas é a do 15 de marzo.

Máis información na web http://xlmiguelez.com/ (operativa a partires do 15 de marzo)